viernes, 11 de septiembre de 2015

A VOLTA AO “COLE”

¡Mirade na foto canto medraron todos durante as vacacións!... Agora os pequenos son medianos e os medianos maiores. ¡E como lles gusta iso de ser maiores!. Aínda que onte foi o primeiro día de escola e xa puideron xogar e enredar cos seus amigos, esta mañá foi realmente cando comezamos coas rutinas e o traballo diario.
Todos portáronse de marabilla e axudaron a coidar dos pequerrechiños que acaban de iniciar o seu período de adaptación. Para estes últimos hoxe foi o primeiro día que quedaron na escola sen a compañía da súa familia. Mirade nas seguintes imaxes que ben o pasaron enredando no recuncho da casiña. Esperámosvos o luns para seguir xogando e coñecendo os espazos da nosa escola.

martes, 8 de septiembre de 2015

O PERÍODO DE ADAPTACIÓN

Coa finalidade de axudar aos pequenos no paso do ambiente familiar ao escolar, da gardería ao segundo ciclo de infantil ou no cambio dun centro a outro, a principio de curso organizamos cos novos alumnos o que denominamos “o período de adaptación”. Como ven recollido no libro “O proceso de adaptación. E ti … vas á escola?”, “o período de adaptación é o intervalo temporal que nenas e nenos precisan para asimilar os cambios producidos na súa vida ao incorporárense ao centro escolar, ao pasar dun ambiente que coñecen e dominan a outro descoñecido. Chegar por primeira vez a un lugar novo non é fácil para ninguén. Neste proceso de adaptación as nenas e os nenos deben coñecer ese lugar, facelo propio, chegar a gozalo, establecer vínculos de relación... e isto leva o seu tempo, de aí a consideración de sentir o proceso de adaptación como unha necesidade do alumnado.” Aínda que aclararemos todas as dúbidas o día da reunión de principio de curso, na seguinte táboa recollemos a distribución horaria do período de adaptación que deseñamos axustado ao contexto da nosa aula.

jueves, 3 de septiembre de 2015

BENVIDOS AO CURSO 2015/16


Tras o período de vacacións estival chega a volta as aulas e dende a nosa escola queremos dar a benvida a todas as familias. Para os que desexen ir organizando o novo curso, neste enlace poden consultar o calendario escolar 2015/16. Para concretarlles todo o que vai acontecer no noso centro, o vindeiro xoves 10 ás 10:00 horas, teremos a reunión informativa de principio de curso. Nela falaremos, entre outros, dos seguintes temas:
ü  Información xeral sobre o curso 2015/2016 e normas de funcionamento.
ü  Horarios dos nenos, mestres especialistas e de atención ás familias.
ü  Calendario escolar. Excursións, festas e saídas.
ü  Biblioteca escolar: normas de funcionamento e empréstito. As mochilas viaxeiras
ü  O xardín e a nosa horta escolar.
ü  Blog da escola.
ü  Período de adaptación dos novos alumnos.
E, por suposto, aclararemos todas as dúbidas e escoitaremos as vosas suxestións. As familias virán acompañados dos alumnos. Mentres a titora fala convosco, eles quedarán a cargo doutra mestra realizando diversas actividades e xogos. Se teñen calquera dúbida poden chamar á escola ou enviarnos un correo electrónico a escoladeleiro@gmail.com.

domingo, 21 de junio de 2015

FESTIVAL DE FIN DE CURSO 2015

Xogos con aros, pelotas e diverso material de psicomotricidade, carreiras, circuítos, cancións, bailes, un mural para darlle a benvida ao verán, unha gran merendola, actuacións e … ¡ata un contacontos en inglés! … Entre risas e bágoas, o pasado venres puxemos fin ao curso escolar. Graciñas a todas as familias pola súa axuda e colaboración durante todo este ano académico. ¡Feliz verán!.

miércoles, 17 de junio de 2015

PREPARANDO A FESTA DE FIN DE CURSO


Elixir a actividade a realizar, elaborar unha pequena coreografía na que poidamos actuar todos, repartir as accións a desenvolver, ensaiar, confeccionar os disfraces, recortar, pegar, probar … ¡Canto traballiño levamos, pero que ben o pasamos cos preparativos da nosa festa de despedida!. Non vos esquezades, o venres 19 vémonos todos no pavillón que está xunto á escola de Sisán