martes, 9 de junio de 2015

PREPARANDO A EXCURSIÓN DE FIN DE CURSO

Este venres, para coñecer o impresionante mundo das abellas,  imos visitar Apípolis. Onte, xa quentamos motores degustando o rico mel que nos trouxera Carlos da colleita da súa casa.  ¡Que rico estaba!... un bico moi forte para a súa familia por compartir connosco tan delicioso e nutritivo alimento.

Despois, aproveitando a nosa visita semanal á biblioteca escolar, comezamos a mergullarnos na vida destes traballadores insectos observando algúns dos libros que temos deles. Vimos como é a súa anatomía e os nomes das partes do seu diminuto corpo. Seguro que na excursión descubriremos moitas más cousas.  Non vos esquezades de ser puntuais, levar calzado cómodo e seguir as indicacións da nota que levaron hoxe os nenos para casa.

lunes, 8 de junio de 2015

PIRAMIDE DE NADAL

A semana pasada o noso recuncho de Alemaña tivo unha achega moi especial: unha pirámide de Nadal. A maioría de nós nunca escoitara falar dela pero Rita, ademais desta preciosa construción de madeira, tróuxonos información ao respecto. É unha especie de carrusel con forma de pirámide rematado cunha hélice que se move ao prender as candeas da base. Emprégase como elemento decorativo de Nadal nalgunhas zonas do país xermano e algunhas poden alcanzar o tamaño dun edificio.
Ver cada un dos seus pisos cheos de figuriñas encantounos, pero comprobar como se movían as aspas ao acender  as candeas, deixounos abraiados.
Neste enlace podedes volver a ver como montan a Pirámide de Nadal no mercado de Nadal de  Schweinfurt.
 Unha vez máis graciñas ás familias por compartir connosco os seus pequenos tesouros.

miércoles, 3 de junio de 2015

CONVIENCIA ESCOLAR 2015


Os maiores da escola  tiveron unha mañá do máis emocionante. Fomos no transporte escolar ata o que será o seu futuro colexio. Coñeceron os seus compañeiros do vindeiro curso e algunhas das mestras. Visitamos as aulas de primeiro e de música, a biblioteca, o comedor … A profesora de inglés leunos un conto moi divertido e ensinou algunhas palabras nesa lingua. Coa mestra de música cantamos, bailamos e ata aprendemos como relaxarnos cun “agradable masaxe musical”.

martes, 2 de junio de 2015

O INSECTO PAU DE CARLOS


Hoxe quedamos abraiados co insecto que nos trouxo Carlos nunha caixiña. Tratábase dun insecto pau de cor marrón. Tras observalo buscamos na biblioteca libros que nos aportaran información sobre estes curiosos animaliños.  Descubrimos que tamén poden ser de cor verde e que durante o día case non se moven para pasar desapercibidos. Nun dos exemplares que consultamos vimos tamén o insecto folla e, noutro, estaba tan ben camuflado que custounos atopalo na páxina que indicaba o índice.

sábado, 30 de mayo de 2015

XEADO CON GALLETAS E NOCES

Achegase o verán e, para despedirnos do noso obradoiro de cociña por este curso, nada mellor que esta fresquiña receita.

jueves, 28 de mayo de 2015

A PORTA DE BRANDEBURGO NO XORNAL

Vímola no periódico que nos trouxo José a principios de semana. No recuncho que temos de Alemaña comprobamos que aparece nunha das imaxes de Rita e en todos os exemplares que falan de Berlín.  No libro que Carla deixounos para o recanto, limos que é un dos símbolos de Berlín e aproveitamos para coñecer un pouquiño das súas características e historia.


miércoles, 27 de mayo de 2015

PARTIDAS EN FAMILIA CO DADO


Dende que empezaramos a familiarizarnos coa resta empregando a puntuación obtida co dado como elemento de subtracción, falaramos de botar unha partida en familia. Como ultimamente andabamos enredados con outras actividades, aprazámolo ata hoxe. Esta mañá estivemos elixindo ás catro persoas da casa coas que íamos xogar. Agora toca esperar polos resultados.

Os pequenos da clase tamén van botar a súa partida en familia pero neste caso o gañador será o que saque a cifra máis alta co dado. Previamente terán que escribir as grafías dos números obtidos por cada participante. Será unha boa escusa para reforzar eses trazos que se lles resisten.