domingo, 1 de marzo de 2015

XORNADA DE PORTAS ABERTAS

Do día 2 ao 23 de marzo permanecerá aberto o prazo de solicitude de admisión de alumnos para o vindeiro curso 2015/16. Para todas ás familias que desexen coñecer o funcionamento da nosa escola,  mañá haberá unha xornada de portas abertas. Ás 16:00 horas poderán visitar a aula e ver súa organización baseada en diversos recunchos de xogo e aprendizaxe. Realizaremos algunhas actividades e ás 17: 00 teremos unha pequena sorpresa na biblioteca escolar.

sábado, 28 de febrero de 2015

REPOLOS E ROSAS…


Baseándonos no poema de Rosalía de Castro e imitando as ilustración do libriño “Parece unha rosa”, onte na aula convertémonos en rosas e repolos … E aínda que houbo quen se enfurruñou porque prefería transformarse en brócoli como os que plantaron coa mestra Ana, case todos os cativos memorizaron estes anaquiños do poema e divertíronse personificándoo coas súas fotos.
Para os que aínda non o coñezan ou queiran volver a velo, a continuación deixámoslle un LIM deste bonito libro-poema. 
-

jueves, 26 de febrero de 2015

A NOSA FESTA



Esta semana o traballo ao redor da prensa centrouse na noticia na que viña reflectida a festa do Entroido da nosa escola. Nesta ocasión, sobre todo cos maiores, puxemos especial atención na data de publicación. En formato dixital non saíu a noticia pero neste enlace aparecen algunhas fotos bonitas dos nosos alumnos.

miércoles, 25 de febrero de 2015

SUMANDO CO DADO…



Xa sabedes que dende o trimestre pasado os mércores “temos problemas” cos maiores da aula … Nas últimas semanas realizámolos xogando con dados. Trátase de, por quendas, lanzar dous á vez e quen saque a cifra máis alta gaña. Pero para iso temos que ir previamente localizando os xogadores nun listado, anotar o resultado simbolizando a suma dos puntos e, por último, escribir o nome do gañador ou gañadores en caso de empate. Parece complicado pero os maiores xa o teñen interiorizado e visualizar os puntiños do dado axúdalles a contar. Probade na casa a botar partidas de sumas co dado, xa nos contaredes que tal resulta.



martes, 24 de febrero de 2015

¡FELIZ DÍA DE ROSALÍA!


Segundo o Calendario do Libro e da Lectura, hoxe celébrase o día de Rosalía de Castro para conmemorar o aniversario do seu nacemento. Estes días imos traballar ao redor da súa figura e obra. Onte, na nosa visita semanal á biblioteca escolar, comezamos a quentar motores realizando actividades cos libros que temos desta importante escritora galega. Montamos un recuncho con todos eles, limos algúns dos que máis nos gustan, relizamos tarefas de asociar as portadas cos títulos e escoitamos as versións musicadas dos seus poemas no libro disco “Rosalía pequeniña” que nos encanta.


Para os que desexen gozar connosco escoitando os poemas rosalianos na voz de Uxía, aquí lle deixamos o seguinte vídeo.

lunes, 23 de febrero de 2015

COMEZA O XVI SALÓN DO LIBRO

Baixo o título “Da ciencia á ficción”, do 27 de febreiro ao 28 de marzo, terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra o XVI Salón do Libro Infantil e Xuvenil. Os libros son os protagonistas nesta cita anual pero tamén as exposicións, os obradoiros, os contacontos, as actuacións musicais e teatrais, os encontros con autores e homenaxes … Un mes cheo de eventos, moitos deles gratuítos e adaptados ás idades dos nosos alumnos. Se queredes consultar o programa de actividades podedes facer clic aquí e para descargalo neste enlace.