sábado, 30 de abril de 2016

FESTAS DOS MAIOS 2016

O venres foi unha mañá chea de actividades e emocións. Comezamos a xornada traballando duramente na confección dos colares de margaridas necesarios para decorar o Maio. Aínda que realmente o labor xa o empezaran as familias o día anterior baleirando ovos e apañando fiúncho, flores, laranxas e limóns para traelos á escola. Unha vez máis graciñas a todos pola vosa colaboración e xenerosidade, sen ela a elaboración do maio non seria posible.
Despois os cativos confeccionaron coroas de flores coas que acicalarse e aínda tivemos tempo dunha sorpresa moi especial: a visita da científica Luísa do CSIC en Galicia.
Ademais de contarnos un precioso conto co que nos explicou como xurdiu nela a necesidade de investigar e descubrir o porqué das cousas, ensinounos a través dun divertido experimento que a auga salgada pesa máis que a doce. Abraiados co resultado e con ganas de máis chegou o momento de recuperar forzas coa rica merendola que trouxeron as familias. 
Mentres, paseniño o Maio foi collendo xeito ata quedar rematado e a nosa exposición “A min gústame ler en …” tamén. Entón chegaron os músicos e o tempo das cancións e xogos ao seu redor.  A ritmo de gaitas bailamos, cantamos e gozamos dándolle a benvida a primavera.

jueves, 28 de abril de 2016

O DÍA DO LIBRO EN INGLÉS E "CON PILAS NOS BOCATAS"…


O venres continuamos coas nosas actividades para conmemorar o día do libro cunha xornada repleta de propostas. Para quentar motores comezamos a mañá realizando marcapaxinas conmemorativos con ilustracións alusivas á “Lenda de San Xurxo”.

Mentres, no Local Social uns mestres moi especiais chamados PANS andaban a argallar un obradoiro de cociña do máis nutritivo. Cando todo estivo listo pasamos e explicáronnos que PANS é a abreviatura de Profesores da Alimentación e da Nutrición Saudable. 
A través de diferentes xogos foron ensinándonos as avantaxes de comer peixes e outras especies mariñas.
E como na escola non temos onde gardar estes produtos sen que se estraguen, mostráronnos como preparar un espectacular bocadillo con conservas: Atún, mexillóns, sardiñas, chocos … enriquecidas con leituga, tomate, cenoria … Cada cativo puido elixir os seus ingredientes favoritos ata poñerlle as pilas o seu bocata.
Despois de repoñer forzas con esta saudable merenda, continuamos co noso programa mergullándonos na lingua inglesa coa actuación KID´S & US. Con elas celebramos o aniversario da raíña de Inglaterra e practicamos diverso  vocabulario na lingua da súa maxestade.

Non podíamos rematar un día tan sinalado sen facer mención a “Don Quijote de la Mancha” no 400 aniversario da morte de Miguel de Cervantes. Da man de “Las Tres Mellizas viaxamos no tempo e visitando este enlace vimos a aventura dos muíños

martes, 26 de abril de 2016

IMOS A UN CONCIERTO DE MAMÁ CABRA

Como xa vos comentamos na entrada anterior, co gallo do día do libro foron moitas as actividades que se desenvolveron no centro a semana pasada. Unha moi especial foi a saída a Pontevedra a ver o concerto-teatro “15 primaveras” patrocinado por Afundación. Nel o grupo musical Mamá Cabra fixo un percorrido pola súa historia e as súas mellores cancións para celebrar o seu quince aniversario.


Pero sen lugar a dúbidas a favorita dos rapaces foi a que traballaron coa mestra Olalla e que os deixamos a continuación.

Despois de repoñer forzas cos bocadillos, continuamos coa segunda parte da nosa excursión, a visita o Café Moderno e o obradoiro “Arquitecturas emocionais”. A través da súa mascota, Modernio, explicaron aos cativos como rehabilitaron o edificio, xogaron a identificar coas mans os materiais empregados e expresaron as emocións que os diferentes espazos producían. Ata fixeron de arquitectos por un día e deseñaron a súa propia habitación.

viernes, 22 de abril de 2016

UNHA FLOR, LIBROS E MOITO MÁIS…

Achegase o Día Mundial do Libro e para celebralo son moitas e variadas as actividades que desenvolvemos esta semana no centro.

O mércores a profe Montse preparou para nós unha espectacular sorpresa na biblioteca. Coa axuda do mestre Jose foi enchendo unha gran tarteira cuns ingredientes moi especiais: ilusión, fantasía, imaxinación … 
Paseniño foi cociñando contos para que puideramos degustar a historia do “Gato Lambón” e coñecer, a través de monicreques, a fermosa lenda de San Xurxo. Música, cancións, risas e, para rematar, un petisco de nubes colmadas de soños.

Pero as sorpresas comezaron antes do contacontos. Dúas mamás da ANPA chegaron cargadas de plantas para todos e unha caixa de contos para a biblioteca escolar. Deste xeito fixeron participes a toda comunidad escolar da fermosa tradición de celebrar o Día do libro regalando unha flor e un libro. ¡Graciñas pola vosa xenerosidade!

martes, 19 de abril de 2016

PREPARANDO A FESTA DOS MAIOS

Para darlle a benvida á primavera, en diferentes zonas de Galicia celebrase a festa dos Maios. Na nosa escola tamén nos unimos a esta tradición e todos os anos confeccionamos un Maio. Trátase dunha construción de canas que se reviste de fiúncho e se decora con flores, ovos e laranxas. Este curso realizarémolo o venres 29 pero xa empezamos a ensaiar as cantigas e a preparar as diferentes actividades que se realizarán o seu redor.
Unha delas será unha exposición fotográfica baixo o lema “A min gústame ler en …” coa idea de conmemorar o Día do Libro que se celebra este sábado 23. Para organizala, hoxe os meniños levaron para casa unha folliña cun debuxo dun libro aberto no que deberán escribir o nome do seu lugar favorito para ler: a cama, a terraza, a praia, o salón …  Nela tamén deberan pegar unha foto deles lendo no lugar escollido ou se o preferides podedes enviala a escoladeleiro@gmail.com e xa a imprimimos nós na escola. Lembrades que se queredes participar tedes que entregala antes do 26 de abril.

lunes, 18 de abril de 2016

REMATAMOS O INVERNO…


No noso calendario escolar de Goya xa realizamos os meses de decembro, xaneiro e febreiro. Como non podía ser de outro xeito, comezamos a estación máis fría do ano coa obra “A nevarada ou o inverno” e un libro da vida e obra deste gran artista contado a través pictogramas.

Para xaneiro eliximos “Mi pequeño museo de bellas artes” e, aínda que os meniños riron co gravado dun mono pintando a un burro titulado “Ni más ni menos” que aparece neste exemplar, optamos polo outro cadro representado: “Retrato de Doña Isabel de Porcel

E por último chegamos ao mes máis curto do ano para introducirnos no Entroido co “O enterro da sardiña”. É o propio autor quen no libro “Descubriendo el mágico mundo de Francisco de Goya” nos introduce neste e outros cadros que mostran a evolución do artista.

viernes, 15 de abril de 2016

EL PAÑUELITO

Levamos dúas semanas xogando ao tradicional enredo de “El pañuelo”. Na primeira sesión elaboramos colares cos números do 1 ao 7 para colocar aos membros de cada equipo. Deste xeito, sobre todos os pequenos, non esquecen o número que teñen asignado á vez que repasan as grafías dos díxitos. Cando comezamos a xogar, aos cativos custáballe reaccionar cando escoitaban o seu número, pero agora que xa coñecen a dinámica cada vez responden con máis axilidade.


martes, 12 de abril de 2016

¡CANTOS PEIXES HAI NA NOSA RÍA!


Castañeta, peixe cinta, manta, peixe rei, faneca, raia… graciñas á colección peixes de Galicia que temos na aula, estamos coñecendo e aprendendo algúns nomes dos numerosos animais que habitan nas augas da nosa ría. Cada cativo escolleu o seu favorito, limos como se chamaban e fixemos tarxetas. Agora xogamos a lelas e asocialas cos peixes que representan.
E como xa sabedes que nos encanta iso de elaborar no obradoiro de cociña todo o que traballamos na aula, a continuación vos deixamos a nosa particular receita de ¡peixes da ría!.

lunes, 11 de abril de 2016

ZAPATOCAS EN ARAGÓN


Hoxe, na nosa visita semanal á biblioteca escolar, atopamos unha nova carta da nosa mascota e tres libros: “La leyenda de San Jorge”, “De la A a la Z… Aragón” e “Primeros Exploradores: Dinosaurios”. Lendo a misiva de Zapatocas rapidamente descubrimos a relación entre eles. San Jorge é o patrón de Aragón e nesta terra atoparon moitos restos de dinosauros, incluso hai un parque sobre eles: Dinópolis.

A carta tamén fala de Goya, o pintor que andamos a coñecer este ano, e de Fluvi, a pinga de auga coa que traballaron na aula de natureza.  Nos vindeiros días e ata final de curso esta Comunidade Autónoma será o noso novo obxectivo, xa vos contaremos.

jueves, 7 de abril de 2016

¡IMOS DE EXCURSIÓN!


Despois de tanto falar do Salón do Libro de Pontevedra, non podíamos deixar pasar a oportunidade de visitalo. Ao chegar, tras unha gran aperta da súa mascota ORBIL, xa estabamos preparados para a sesión de contacontos.. Logo unha monitora falounos das aventuras de Estravaganza e, seguindo as pistas do mapa, visitamos os diferentes lugares del Salón. Merendamos para repoñer forzas e puxemos rumbo ao Museo para rematar a xornada mergullarnos no mundo da arte.

miércoles, 6 de abril de 2016

NA HORA DE LER…TAMÉN BICHIÑOS DA RÍA

Contos, exemplares de consulta, poesías, libriños con solapas e pestaniñas, tridimensionais … dende a semana pasada a nosa bolsiña da hora de ler está cargada de lecturas que teñen os bichiños da ría como protagonistas. Cada día o encargado elixe un e paseniño iremos léndoos todo. Seguro que aprendemos moito do mundo mariño á vez que nos divertimos. 

martes, 5 de abril de 2016

UN GOLFIÑO EN MADRID


A noticia da aparición dun esqueleto de golfiño en Madrid, serviunos a semana pasada de detonante para coñecer a anatomía destes animais. Consultando diferentes libros da biblioteca, ademais de ver o seu interior, observamos como nacen, aliméntanse e axúdanse.
Pero sen lugar a dubidas o que máis gustou aos meniños foi o ver o seu esqueleto e órganos internos en tres dimensións no exemplar “O golfiño”.

lunes, 4 de abril de 2016

GAÑADORES DAS PARTIDAS EN FAMILIA

A semana pasada, antes de retomar os nosos xogos de cartas dos mércores, había que ver e anotar os nomes dos gañadores das partidas de naipes en familiaNon foi tarefa doada, os cativos tiñan que localizar a ficha do amigo co que querían empezar, ler e escribir o nome do gañador e copiar e dicir o resultado acadado.
Cando a lista aumentaba e reliamos o traballo realizado aparecían novas dificultades ... ¿de quen era o papi que sacou 5 puntos?, ¿e a mami que logrou 10?... así descubriron a necesidade de matizar e incluír o nome propio de xogador. Os pequenos tamén quedaban abraiados: “¡Gemma ten dúas emes seguidas!”, ¿Como se chama este número?... Ademais de conceptos matemáticos ¡canto aprendemos cos xogos en familia!