miércoles, 30 de marzo de 2016

O NOSO CALENDARIO ESCOLAR DE GOYA AVANZA


Para o mes de outubro escollemos o libro “Carlota y la princesa española”. Nel a pega que aparece representada no cadro chamado Don Manuel Osorio Manrique de Zúñiga” cobra vida, arranca unha xoia do vestido da protagonista do conto e escapa voando. 
Na súa fuxida métese noutro cadro do autor,“O Quitasol”, para pousarse na copa dunha árbore. A meniña, para recuperar o seu aderezo, terá que empregar o enxeño e contar coa axuda doutros personaxes das obras de arte do museo. Pero para observar detidamente este retrato co que ilustramos o mes de novembro, eliximos o exemplar titulado "La pintura entrada libre".

martes, 29 de marzo de 2016

COMENZAMOS O TERCEIRO TRIMESTRE


Despois das vacacións de Semana Santa, empezamos lembrando algunhas cousiñas que nos quedaran pendentes. Unha delas é o simpático baile canario “La punta y el tacón” que aprendemos coa axuda da mestra Olalla. Neste enlace tedes como o fan os nenos dun colexio de Canarias probade a facelo na casa veredes que divertido.

jueves, 17 de marzo de 2016

UNHA PARTIDA DE CARTAS EN FAMILIA

Como xa vos comentaramos nunha entrada anterior, levamos varios mércores xogando a sumar as cantidades obtidas ao sacar dous naipes da baralla. O que obtén o resultado máis alto é o gañador. 
Agora toca xogar en familia. Onte cada meniño escribiu os nomes dos membros cos que quería facelo e hoxe o levaron para casa. A volta das vacacións de Semana Santa a ver se todos os cativos traen os resultados e o nome do gañador ou gañadora. Con esta actividade pretendemos afianzar o coñecemento das grafías, identificar os números, aumentar a estabilidade no reconto, comprender o significado da suma, aprender a perder e gañar, pero sobre todo, compartir momentos de lecer en familia.

miércoles, 16 de marzo de 2016

BICHIÑOS DA RÍA TAMÉN NO CHOCOLATE


Estrelas de mar e ourizos, son dous dos ingredientes do chocolate que crearon científicos rusos. Lémolo no xornal a semana pasada e quedamos abraiados. Aproveitamos a nova para ver nos libros da biblioteca como eran estes animais.
Cando fomos visitar a conserveira estaban a envasar a súa carne e pedímoslle se nos deixaban algunhas cunchas. Trouxémolas para a escola e puidemos observalas máis detidamente na aula. Vimos que había de dúas cores e que pódense coller se o facemos con moito coidadiño.

lunes, 14 de marzo de 2016

COCIÑANDO BICHERÍA

Como xa vos comentaramos nunha entrada anterior, co gallo do Salón do Libro de Pontevedra, na escola imos traballar ao redor dos bichiños da nosa ría. Comezamos cociñando a nosa propia versión dun que ten oito brazos, dous ollos, muda a cor, alimentase de peixiños, cangrexos … seguro que xa sabedes de que bichiño andamos a falar. Para os que non o teñan claro mirade nas fotos e veredes que fácil, o único complicado é cortas as rebandas de xamón.

sábado, 12 de marzo de 2016

CALENDARIO ESCOLAR DE GOYA

Cada ano, entre o segundo e o terceiro trimestre, confeccionamos un calendario escolar do vindeiro curso que sirve de lembranza aos que marchan da nosa escola e de guía de lectura aos que quedan.
Nesta ocasión estámolo dedicando ao pintor español Francisco de Goya. Para súa elaboración, eliximos un cadro para cada mes e un libro onde aparece recollida a obra. Comezamos co setembro e, sen lugar a dúbidas, a pintura máis representativa para esta época é “A vendima ou o outono”. A creación na escola deste particular calendario temático, ademais de familiarizar aos nenos co mundo do arte, axúdaos a traballar a serie numérica ata o trinta, os meses do ano e a diferenciar os días laborables dos festivos.

E xa que andamos a falar de outono, aproveitamos para deixarvos “Canción de otoño”, o bonito poema musicado de Juan Ramón Jiménez co que nos despedimos desta estación cando traballamos Andalucía. Esperamos que vos guste tanto coma a nós.

jueves, 10 de marzo de 2016

SALÓN DO LIBRO 2016

Baixo o lema ¡Canta bichería!, do 1 ao 23 de abril se celebrará en Pontevedra o XVII Salón do Libro Infantil e Xuvenil.
Todo tipo de animais terán cabida nesta edición pero no noso centro os protagonistas serán os bichiños da nosa ría: moluscos, peixes, crustáceos, cefalópodos, aves … Cada clase vai realizar un traballiño ao redor deles que plasmará nun par de folliñas que irán a formar parte dun libriño co que participaremos neste evento.
Na nosa aula decidimos contribuír facendo unha das actividades que máis nos gusta: cociñar. Pero primeiro tíñamos que buscar receitas que se adaptaran aos nosos intereses.
 O mellor sitio para facelo é a biblioteca escolar. Fomos á zona documental e descubrimos que os libros que tratan de alimentos teñen a pegatina azul e o número 64. Despois de moito consultar, xa temos feita a selección de libros pero iso volo contaremos noutra entrada.

miércoles, 9 de marzo de 2016

¡IMOS DE EXCURSIÓN!

A mañá empezou con moita choiva pero pasámolo xenial. Comezamos poñendo os chalecos reflectores para non perdernos e abrigámonos ben coas capuchas para non mollarnos. Despois tocou a emoción de montarnos no autobús cos compañeiros das escolas e, case sen darnos conta, chegamos ao noso primeiro destino: Conservas Cambados.
¡Cantas cousas aprendemos coas responsables da fabrica! Ao chegar explicáronnos como eran as latas, os alimentos que envasaban, o proceso que seguían, como trataban os produtos … Acto seguido déronnos uns traxes especiais e uns gorros para protexer  a manufactura e pasamos a ver as instalacións. ¡Quedamos abraiados! … ¡cantas máquinas con diferentes funcións!... O mellor: envasar gominolas nunha lata personificada co noso nome.
Tras unha pausa para repor forzas cos bocadillos que trouxemos da casa, continuamos coa segunda parte da nosa excursión: O Parque Comarcal de Bombeiros do Salnés. Ensináronnos os seus vehículos; as ferramentas; onde durmían, comían, daban clase e facían deporte; fixeron soar as sereas; deixáronnos probar os seus cascos e ata ¡montamos no camión de bombeiros!... 


lunes, 7 de marzo de 2016

NA HORA DE LER: LENDAS CANARIAS

El fantasma del Palacio Lercaro”, “La leyenda del pirata”, “La isla de San Borondón”, “La fuente de las brujas”… na biblioteca temos case todos os libros desta colección que cada día imos lendo. Para os que prefiren velos todos xuntiños, Carla tróuxonos un exemplar cunha recompilación que empregamos cando as outras escolas os están a usar. Hoxe tocoulle quenda a “La leyenda del Drago”, árbore milenario da illa de Tenerife, e descubrimos algúns dos usos da chamada sangue de Drago.
Tras a portada e a contraportada de cada lenda, aparece un precioso mapa de Canarias que empregamos antes de ler para intentar memorizar os nomes das illas. A continuación vos deixamos un vídeo cunha divertida canción que nos ensinou a mestra Olalla, seguro que tamén nos axudará nesta tarefa.

viernes, 4 de marzo de 2016

SUMANDO COAS CARTAS


Como xa vos comentaramos nunha entrada anterior, estamos traballando as matemáticas empregando as cartas como recurso. Durante varias semanas, os mércores xogamos a ver quen sacaba o valor máis alto.

Agora complicamos un chisquiño o asunto e usamos o azar para sumar os números obtidos en dous naipes extraídos da baralla. Á vez que os cativos se familiarizan coa adición e os seus símbolos, practican valores tan importantes como saber gañar e perder. 

martes, 1 de marzo de 2016

BAILANDO…


No último mes, a nosa sesión semanal de xogos estámola dedicando a bailar. O martes pasado rimos danzando en parella con “La mané”. Hoxe, o bo tempo permitiunos ensaiar “El baile de los pajaritos” fóra ao sol. A continuación vos deixamos os vídeos para que vos divirtades tamén na casa.