jueves, 29 de octubre de 2015

SAMAÍN E MAGOSTO 2015

Aínda que a choiva non parou en toda a mañá e non nos deixou gozar da festa no exterior, nós pasámolo ben igual.  No transcurso da mañá vimos contos, películas, cantamos cancións, bailamos, pintamos, xogamos … 



Con tanta actividade entrounos fame pero as familias xa tiñan preparada unha exquisita e terrorífica merendola que espertou as delicias de grandes e pequenos. Coas forzas recuperadas asistimos á actuación dun contacontos musicado e, baixo a dirección da mestra Olalla, realizamos unha aterradora dramatización. Como punto final a mestra Montse deleitounos coas súas apócemas e feitizos. Moitas grazas a todos por facer tan especial esta xornada chuviosa e especialmente ás mamás que, a pesar do mal tempo e o fume, estiveron asando castañas para todos.

miércoles, 28 de octubre de 2015

PREPARÁNDONOS PARA O SAMAÍN


¡Como nos gusta baleirar e decorar os calacús!... non nos daba chegado o momento. Dende que a mamá de María Aboy trouxéranos unha cabaza xigante para a festa, estabamos desexando empezar a preparala. Primeiro tivemos que poñernos de acordo sobre como queríamos realizala. Uns querían que dera risa, outros pola contra optaban polo medo. Hoxe fixemos unha votación e tivemos que aceptar a opinión da maioría. Despois coa axuda da mestra Belén procedemos ao seu baleirado. Separamos a polpa das pebidas para gardalas cando estean secas. E por último, chegou o momento máis divertido: poñerlle unha candea dentro, baixar as persianas, apagar as luces e xogar a asustar … Grazas Elena por, a pesar do tempo transcorrido, seguir lembrándote de nós.

martes, 27 de octubre de 2015

AVESPA ASIÁTICA


O xoves pasado foron as avespas asiáticas as que ocuparon a maior parte do tempo que dedicamos semanalmente a traballar cos xornais. Vimos a noticia no diario “La Voz de Galicia” e aproveitámola para, ademais de ver a numeración das páxinas, coñecer algunhas cousiñas deste insecto invasor. Buscamos a reportaxe na prensa dixital e quedamos abraiados co tamaño que alcanzan os seus niños. Vimos algúns vídeos deste insecto en internet, puidemos observar en directo como as avespas invaden unha colmea para alimentarse das crías pero tamén como construír trampas para combatelas. 

lunes, 26 de octubre de 2015

FEITIZOS…


Esta mañá na biblioteca nos estaba esperando unha pota xigantesca para elaborar as apócemas creadas polas familias. Cabeza de serpe, pata de elefante, sangue de morcego, bigotes de gato, cola de dragón … 
Paseniño fomos lendo e botando na pota os ingredientes necesarios para preparar cada beberaxe. Témolos para quitar as verrugas, cantar, ser vampiro, príncipe … probámolos todos, pero cremos que o que máis efecto fixo foi o de Pablo, dende aquela non para de chover … A ver se mañá alguén nos trae un cos ingredientes necesarios para ter unha xornada solleira o día da festa.

domingo, 25 de octubre de 2015

ARAÑAS

O venres descubrimos que a nosa merenda favorita son as … ¡¡ARAÑAS!! Preparámolas no noso obradoiro de cociña semanal e gustáronlle a todos os cativos, moitos comeron dúas e, algún, ata tres. Con elas dimos por rematado as receitas dedicadas á temática das bruxas, esperamos que na casa divertíravos tanto vendo as fotos coma nós cociñando.

sábado, 24 de octubre de 2015

UN ANAQUIÑO DE SEVILLA PARA VÓS

La Plaza de España”, “La Giralda”, “La Torre del Oro… estes son algúns dos monumentos que viñan representados nas fotos que nos trouxo José. O xoves empregámolas como escusa para visitar esta cidade a través do vídeo que vos deixamos a continuación. Gustoulle moito aos cativos, especialmente pola música que o acompaña nos primeiros minutos.

Despois traballamos ao redor da denominación de cada edificación pero, sen lugar a dúbidas, o que máis lles apetece aos meniños é que argallemos algo cos coches de cabalos típicos desta cidade, a ver que se nos ocurre…

viernes, 23 de octubre de 2015

APÓCEMAS…

Como sabedes, co gallo da festa do Samaín que celebraremos o vindeiro xoves, andamos a traballar ao redor das meigas. Unha das características destes personaxes máxicos é a elaboración de apócemas para realizar feitizos. A proposta dende a escola é que por un día convertámonos en bruxas e preparemos o noso propio bebedizo. Hoxe xa comezaron a chegar as receitas dos beberaxes ideados polos cativos coa axuda das súas familias. A súas finalidades son do máis diverso: para converternos en bruxa, paxariño, facer chover, ser forte …. Con todos eles confeccionaremos un libriño de centro pero lembrade que para participar tedes que entregalo como moi tarde o luns, animádevos a colaborar. Para os que necesiten inspiración a continuación lles deixamos as propostas dos compañeiros.

jueves, 22 de octubre de 2015

A AULA DE NATUREZA EN RADIO VOZ

Onte, o programa de Radio Voz interesouse polo traballo desenvolvido polos nenos da escola na aula de natureza. Entrevistaron á mestra Ana para coñecer de primeira man as actividades que con eles realiza: o cultivo de verduras e hortalizas no invernadoiro, o coidado do noso xardín dos sentidos, as tarefas de  concienciación ecolóxica e reciclaxe, a elaboración de receitas cos produtos da horta 
O último, un proxecto sobre os caracois que dará moito que falar. Se queredes escoitar o documento sonoro na súa totalidade facede  clic neste enlace e escoitade a partir do minuto 33, veredes como ao final da entrevista ata o locutor quere volver a ser meniño para vir á aula de natureza.  ¡Parabéns Ana! .

miércoles, 21 de octubre de 2015

¿ONDE ESTÁN OS CONTOS DA BRUXA BRUNILDA?


Na nosa visita anterior á biblioteca escolar vimos que os libros de bruxas teñen pegatina amarela porque son contos e están na zona de literatura infantil.

O luns continuamos reflexionando sobre a organización deste espazo e vimos que todos os contos da bruxa Brunilda teñen o anagrama da editorial Blume, por iso están situados no andel que ten o seu símbolo. Deste xeito, aínda que os rapaces non saiban ler, poden colocar o libro no seu lugar correspondente ao recoñecer o anagrama.

martes, 20 de octubre de 2015

RONDA DE LAS BRUJAS

Este é o xogo de roda que estivemos practicando esta mañá e co que continuaremos a vindeira semana. No transcurso da canción imos solicitando á bruxa que nos preste diversos obxectos característicos que ela concede sen dificultade.
 Para cada un deles temos tarxetas que os representan con diversos graos de complexidade. Quen ten a tarxeta do elemento mencionado debe saír ao centro da roda e pousalo. Cando todos quedamos sen obxectos, pedimos á bruxa que nos tire ao pozo e, ao darnos o seu consentimento, botámonos ao chan.
 A continuación vos deixamos o vídeo coa canción por se queredes practicala na casa. 

lunes, 19 de octubre de 2015

AS PROVINCIAS DE ANDALUCÍA


Son oito: Sevilla, Málaga, Cádiz, Almería, Granada, Huelva, Jaén e Córdoba. Contámolas no quebracabezas que nos trouxo Laura e puidemos ver os seus monumentos principais no libriño “Colorea  Andalucía” de Carla. De Sevilla xa coñecíamos algúns dos seus fermosos lugares polas fotos que nos deixou José e, do curso pasado, sabemos que nela naceu Velázquez.
Graciñas á colaboración das familias o noso recuncho de Andalucía vaise enchendo de pequenos tesouros que paseniño iremos debullando.

domingo, 18 de octubre de 2015

UNHA BRUXA PARA MERENDAR


A semana pasada cociñamos o seu gato e este venres elaboramos a bruxa. Unha receita sinxela, divertida e rica. E para os que prefiran substituír a madalena por xeado de pistacho, poden picar neste enlace e ver que ben quedan.

sábado, 17 de octubre de 2015

OS MONECOS DE PLAYMOBIL


Esta semana foron dúas as noticias arredor das que traballamos. Por unha banda, o labor das mariscadoras de Vilaxoán retirando as ameixas e os berberechos da praia O Preguntoiro, serviunos para continuar co vocabulario relacionado co marisco.

Por outra, a exposición de monecos de Playmobil empregámola para ver os nomes dos xornais, a numeración das páxinas e a busca de datas no calendario. Na prensa dixital vimos as fotos das recreacións dos barcos das invasións viquingas, o exercito de Napoleón, o ferrocarril, o paseo marítimo, as bateas…  realizadas coas pezas.

Se queredes visitar esta curiosa mostra da historia de Vilagarcía recreada cos tradicionais bonequiños, podedes visitala no centro comercial Arousa de Vilagarcía ata o 27 de novembro.

jueves, 15 de octubre de 2015

A NOSA AXENDA AVANZA


Xa chegamos á letra “E”, paseniño os maiores e os medianos van avanzando no abecedario da axenda telefónica.  Mentres, as pequenas  tamén traballan ao redor dos números de teléfonos dos seus amigos. Xa saben recoñecer os díxitos que son iguais e pintalos da mesma cor, recortalos con coidadiño e pegalos seguindo a orde establecida. ¡Como lles gusta facer cousas de “maiores”!

miércoles, 14 de octubre de 2015

JUGANDO AL ESCONDITE

As meigas tamén chegan aos nosos xogos dos martes. Onte aproveitamos o bo tempo para enredar fóra coa nosa propia versión da canción de Rosa León “Jugando al escondite”.

martes, 13 de octubre de 2015

NA HORA DE LER… ¡CONTOS DE BRUXAS!


Dende a semana pasada a nosa bolsiña de lectura está cargada de contos que teñen as meigas como protagonistas. Hainas boas e malas, divertidas e tolas, grandes e pequenas … pero todas teñen en común que nos engaiolan coas súas aventuras. Cada mañá á volta do recreo o encargado do día escolle entre eles o que imos ler. É un momento case máxico, todos atentos á expectativa da elección. Despois durante a lectura veñen as emocións: sorpresa, ledicia, tensión, entusiasmo, medo, ilusión, tristeza, euforia … todo un mundo de sensacións por vivir a través dos contos.

domingo, 11 de octubre de 2015

BRUNO, O GATO DA BRUXA BRUNILDA

Co gallo da festa do Samaín que celebraremos o día 29, as bruxas van ser o tema central do noso obradoiro de cociña durante as vindeiras semanas. Comezamos co Bruno, o gato protagonista dun dos nosos contos favoritos: La bruja Brunilda”, e ao redor do que estivemos traballando estes días.

viernes, 9 de octubre de 2015

A FESTA DO MARISCO


Esta semana en case todos os xornais que ollabamos aparecía a Festa do marisco de O Grove. Vimos esculturas, bailes, cabezudos … pero especialmente aproveitamos a noticia para coñecer e ler os nomes de tan delicioso alimento: boi, vieira, navalla, ameixa, gamba, centola, cigala …

Nos periódicos vimos que empezou o día 1 pero que durará ata o 12 polo que esta fin de semana aínda estamos a tempo de visitala. Hoxe limos que mañá é a xornada do mexillón: ao vapor, á vinagreta, en salsa, empanada, croquetas … Tal vez para o vindeiro curso animémonos  a facer no noso obradoiro de cociña a nosa propia versión deste saboroso produto.