martes, 30 de septiembre de 2014

OS NOMES DOS MEUS AMIGOS

Pouco a pouco, os pequenos van descubrindo que as letras nos rodean e que están en todas partes. Pero sobre todo, onde máis lles gustan velas é nos nomes dos seus amigos. A través deles imos ir coñecendo como se chaman, cales son as súas semellanzas e diferenzas, o xeito de realizar os trazos … Mentres, cos maiores, tamén empregamos os nomes propios para que se familiaricen coa minúscula ligada e collan soltura na realización das grafías.  Fai unha semana empregámolos para contar letras e descubrimos que o nome máis longo é o de … a ver quen se lembra e é o primeiro en mandarnos un comentario coa resposta correcta.

lunes, 29 de septiembre de 2014

CABALOS SALVAXES


A semana pasada a prensa volveu a estar presente na nosa aula graciñas à mamá de Carlos que nos trouxo o Diario de Arousa, a mestra Ana que contribuíu co Diario de Pontevedra e a mamá de María que non se esqueceu de nós e enviounos varios exemplares de La Voz de Galicia e o Faro de Vigo. Na escola gústanos saber o que acontece ao noso arredor e, se continuamos conseguindo prensa actualizada, os mércores e os xoves ímolos dedicar a traballar ao redor dela. 
Nos xornais que ollamos en clase, a noticia que más chamou a nosa atención foi a dos cabalos salvaxes que estiveron facendo estragos en Castroagudín. Vímola en varios periódicos e  incluso na prensa dixital. Esta semana remataremos de traballar ao redor dela e saberemos que fixeron cos cabalos capturados.

viernes, 26 de septiembre de 2014

IOGUR CON NOCES

Con esta sinxeliña receita inauguramos hoxe o noso obradoiro anual de cociña. Os pequenos, a pesar de ser o primeiro día que manipulaban alimentos, portáronse coma auténticos chicos maiores. 

jueves, 25 de septiembre de 2014

“BICOS DE TRES”


Fai tempo que co contiño “Unha manchea de bicos” aprenderamos que os bicos poden ter sabor, e encántanos dalos de caramelos, amorodos, nata e ata de chocolate con churros. Tamén coñecemos os "bicos de vento",  “Bicos de música” e incluso "a cor dos bicos". Pero o que non sabíamos era que existiran os bicos de tres. Onte ensinounos a dalos Rita e agora … ¡como nos gustan!

miércoles, 24 de septiembre de 2014

CARTA DE FÉLIX DENDE A SELVA AMAZÓNICA


Xa sabemos onde está a nosa lebre viaxeira: ¡en “A Selva Amazónica!. O luns recibimos a primeira carta de Félix deste curso e nela fálanos de animais sorprendentes: preguiceiros, golfiños rosados, tucanos, anacondas …  
Levamos varios días traballando ao redor da súa misiva e pronto comezaremos a montar un recuncho con toda a información que atopemos sobre este impresionante lugar. Se na casa tedes contos, libros, DVDs, fotos, quebracabezas, postais, mapas, obxectos, folletos ou publicidade de axencias de viaxes, receitas… relacionado co tema e adaptado ás idades dos nosos alumnos, podédelo traer para velo na aula e aprender xuntos. Graciñas.

martes, 23 de septiembre de 2014

XOGUETES CON LADRAS


 Como xa vos comentaramos, aos nenos encántalles xogar coas landras que caen do carballo no noso patio de recreo. Fan comidiñas con elas, compáranas polo tamaño e a cor, témolles pitados ollos e boca e convertelas en improvisados monecos … Pero onte Lucía deixounos abraiados con pastor e as ovellas que realizou coa axuda da súa mamá e que compartiu connosco. Probade na casa a facer estes xoguetiños cos cativos e veredes como se divirten.

lunes, 22 de septiembre de 2014

COMEZAMOS…


Rematado o período de adaptación dos novos alumnos, esta semana empezamos xa cos obradoiros e o traballo coas mestras especialistas. 
Hoxe tivemos clase de inglés e informática, pasamos parte da xornada escolar na biblioteca, comezou a funcionar a aula de natureza e, por suposto, inauguramos o empréstito de libros e mochilas viaxeiras que tanto nos gustan. Todos os contiños marcharon para casa ben protexidos nas bolsas de biblioteca, pero tedes que axudarnos a conservalas coidándoas moito e cosendo as que se estraguen para que nos duren todo o curso.

viernes, 19 de septiembre de 2014

RECREOS CHUVIOSOS


Aínda non chegou o outono pero non para de chover. Levamos varios días sen poder saír ao patio do recreo e xa está inundado con tanta auga. Pero non por iso deixamos de xogar libremente despois da merendar. Hoxe probamos a facer carreiras cos cabalos de goma espuma, casiñas cos túneles, equilibrios cos zancos, lanzamentos coas pelotas de tea… aínda que preferimos xogar ao aire libre, dentro da escola tamén o pasamos ben enredando cos amigos.

jueves, 18 de septiembre de 2014

O NOSO AMIGO FÉLIX


Félix é a lebre de peluche de Sofía. Viaxa por diferentes lugares do mundo e manda cartas a súa querida amiga para contarlle como son. Esta semana estivemos vendo os seus contos e lembrando as súas últimas andainas. 
Mentres os pequenos van coñecendo a historia de Félix e Sofía, os maiores imos lembrando como se escriben os nomes dos personaxes destes bonitos contos: o papá e a mamá de Sofía; Julio, o seu irmán maior; Nicolás, o mediano; e Lena a irmá máis pequena. Os que desexen coñecer como comezou a súa última aventura poden clicar aquí para ver as primeiras páxinas do conto.

miércoles, 17 de septiembre de 2014

LÚA


¡Como nos gusta este contiño!... Especialmente cando o lemos cantando todos xuntos. Como é moi curtiño, hoxe decidimos comezar a reescribir a nosa propia versión para facer cada un o seu e poder levalos para casa. Os maiores en ligada, os medianos en maiúsculas e os pequenos con letras móbiles. A ver que tal nos sae, xa vos contaremos. Mentres, se queredes ver as primeiras páxinas e ler cantando cos vosos fillos, clicade aquí.


martes, 16 de septiembre de 2014

OS NOSOS NOMES

Hoxe levamos para casa o noso nome escrito nun folio plastificado para colocalo nun lugar visible. Con el pretendemos ofrecerlle aos nenos un modelo para avanzar na aprendizaxe da linguaxe escrita xa que é un texto sinxelo, curto e pleno de contido para eles. Cos maiores xa pasamos á letra minúscula ligada, en xeral aínda lles costa traballo realizar os trazos correctamente pero se senten orgullosos dos seus avances. Dende aquí animamos ás familias a axudarlles e a valorar os seus esforzos.

lunes, 15 de septiembre de 2014

¡CANTAS LANDRAS!


E follas, castañas, ourizos… cada día o noso patio de recreo aparece máis cheo destes elementos propios da vindeira estación. No calendario da escola comprobamos que faltan poucos días para que comece o outono e, coa súa chegada, son moitos os froitos que están listos para a colleita. Hoxe vimos como o castiñeiro da escola empeza a deixar caer os primeiros ourizos. Con coidadiño e a axuda das botas da mestra Rosana, conseguimos apañar algunhas castañas. Levámolas para clase, xunto as landras coas que nos gusta tanto xogar á hora do recreo e, nos vindeiros días, montaremos o noso recuncho de froitos do outono. Nel iremos colocando todos os que consigamos para observalos e aprender os seus nomes e características.

viernes, 12 de septiembre de 2014

APRENDENDO A USAR O MATERIAL


Ademais de adaptarnos á estar na aula, temos que ir aprendendo as normas de emprego dos útiles escolares. Onte xogamos coa plastilina tendo coidadiño de que non nos caira ao chan e facendo unha boliña ao rematar. Hoxe foi a quenda dos rotuladores. Sacaramos o mandilón no patio porque ía calor pero volvemos a poñelo para non mancharnos con eles. Vimos como tiñamos que colocar a tapa para non perdela e a importancia de axustala ben ao rematar de pintar para non estragalos. Os maiores mentres, ademais de lembrar as normas aprendidas o curso pasado, vamos descubrindo como ler e escribir os nomes dos nosos novos amigos.

jueves, 11 de septiembre de 2014

MERENDANDO TODOS XUNTOS


Pouco a pouco os pequenos van ampliando a súa xornada escolar ata que a igualen coa dos maiores a vindeira semana. Hoxe xa merendamos todos xuntos e, paseniño, van familiarizándose coas rutinas da escola sen dificultade.

miércoles, 10 de septiembre de 2014

O NOSO PRIMEIRO DÍA DE ESCOLA




Estivemos cos amigos, xogamos, cantamos, debuxamos, escribimos, merendamos, enredamos coa area nova que botaron no patio de recreo, brincamos no parque, montamos no tobogán, limos o conto “As sete cabuxas e o lobo” … tivemos unha mañá do máis completa. Pero sobre todo, portámonos como auténticos chicos maiores, incluso os máis pequerrechiños que viñan á escola por primeira vez.