viernes, 29 de noviembre de 2013

CONCURSO DOS BOLECHAS

A mediados de mes, Os bolechas e Novagalicia Banco puxeron en marcha o concurso escolar “Debuxa o teu cole”. O día que comezou a convocatoria a mamá de Rita avisounos, limos as bases e afirmaban que soamente por inscribirnos recibiremos como regalo un lote de cadernos de actividades de Os Bolechas. Non dubidamos en anotarnos e durante estes días cada cativo realizou o seu debuxo, a ver que vos parecen … seguro que atopades o voso...



Días máis tarde, vendo o Faro de Vigo, vimos un anuncio do concurso neste xornal. Todos queríamos observar de cerca a imaxe do caderno que seica nos van agasallar, non nos da chegado o día…

miércoles, 27 de noviembre de 2013

DICCIONARIO DA CONVIVENCIA

O curso pasado, o noso centro, participou na proposta educativa “Convivimos” da Fundación Meniños coa que se pretende fomentar a convivencia baseada no respecto á diversidade. Tratábase de elaborar entre todos os colexios participantes o “Dicionario da convivencia”. Nel recóllense palabras que axudan á construción de valores e as actividades realizadas ao redor delas. A nosa aula escolleu a palabra bicos e hoxe levamos para casa un caderno dos Bolechas que nos deron como agasallo por participar na proposta. Tamén recibimos algúns exemplares do “Dicionario” editado, onde vimos as fotos dos traballos que fixeron os nenos doutras escolas pero, como non hai para todos, quedaron nas bibliotecas das aulas.


martes, 26 de noviembre de 2013

EDICIÓNS EMBORA E ANTÓN CORTIZAS

Na biblioteca escolar continuamos co noso traballo ao redor do escritor Antón Cortizas. Onte, a nosa visita semanal, dedicámola a ver os contos que este autor ten publicado con Edicións Embora e a localizar onde están situados. Na escola temos tres. Como non nos daba tempo de lelos  todos, botamos a sortes por cal comezabamos empregando a cantinela que Pablo trouxo ese día no caderno viaxeiro. Tocoulle primeiro a “Vestida co arco da vella” e despois a “Sopra neste furadiño”, este último foi o que máis nos gustou, iso de poder soprar en cada páxina ten algo de máxico. “Contín,contón” queda pendente para a nosa seguinte visita á biblioteca, xa vos contaremos.



lunes, 25 de noviembre de 2013

¿QUEN PANDA?

Fai un par de semanas que o caderno de xogos para botar sortes empezou a viaxar polos fogares dos cativos. Son varios os recitados para rifar que aprendemos coa axuda das familias e xa estamos familiarizados coa dinámica a seguir neste tipo de xogos. 
Nos vindeiros días o noso caderno viaxeiro continuará a súa andaina e, na escola, seguiremos traballando ao redor das cantinelas recompiladas nas casas. Nesta entrada iremos engadindo todas as que vaian chegando.

jueves, 21 de noviembre de 2013

TIFÓN EN FILIPINAS

O martes foi Gabriel quen trouxo o xornal coa noticia que eliximos para  traballar esta semana. Contounos que o meniño que aparecía na fotografía da portada pedía axuda. Comentamos en grupo o que sucedera en Filipinas, buscamos na biblioteca libros que explicaran que é un tifón, un furacán, un tsunami  e cales son as súas consecuencias. Limos de novo a noticia, fixemos un listado coas necesidades máis urxentes e vimos que se pode facer para axudar. Como non sabíamos onde estaba Filipinas buscamos no mapa, localizamos Xapón e, un pouquiño máis abaixo, os maiores atoparon o grupo de illas que a forman.

miércoles, 20 de noviembre de 2013

ANTÓN CORTIZAS E OS XOGOS DE RODA

Onte, aínda que cando chegamos á escola facía moito frío, o sol empezou a quentar e, a última hora, puidemos facer os nosos xogos dos martes fóra ao sol. Como o luns na biblioteca viramos que na enciclopedia dos xogos populares de Antón Cortizas viñan moitos xogos de roda, decidimos consultala e escollemos dous: “Miguel, Miguel” e “As abelliñas de San Miguel”. O primeiro gustounos porque cada vez o facíamos máis rápido e co segundo escachamos coa risa.

martes, 19 de noviembre de 2013

DEZ SEMENTES DE CALACÚ

Hoxe por fin puidemos levar para casa as pebidas que lle quitaramos á cabaza que baleiramos en clase. Tivemos que esperar ata que estiveron ben sequiñas para poder manipulas e gardalas sen que se puxeran podres. Decidiramos levar 10 cada un  para que houbera para todos. Parece doado contar ata 10 pero non o é tanto cando somos pequerrechiños. Hai que saberse a “cantinela” sen confundirse; contar todas e cada unha das sementes unha e soamente unha vez, non vale contar unha dúas veces, nin podemos deixar ningunha atrás; lembrarse de parar ao chegar ao 10 e metelas no sobre que preparamos co noso nome… para os maiores era sinxelo  pero os máis cativos non o tiveron tan doado. Despois de tanto esforzo ben se merecen que cando chegue o momento axudémoslle a sementalas e teñamos cabazas dabondo para o Samaín 2014.


lunes, 18 de noviembre de 2013

ANTÓN CORTIZAS E OS XOGOS TRADICIONAIS

Como xa todos sabedes, o mes de novembro dedicámolo á tradición oral. Este curso ímonos basear no autor Antón Cortizas para recuperar moitos deses xogos e enredos nos que é tan rica a cultura galega. O luns pasado, na nosa visita semanal á biblioteca escolar, vimos os libros-xoguetes que este autor ten publicado coa editorial Tambre e cos que tanto nos gusta enredar cos dediños. Hoxe aproveitamos para coñecer as súas enciclopedias de xogos tradicionais, nelas limos moitos recitados de botar sortes e vimos como facer xoguetes con obxectos da natureza. Nas vindeiras semanas seguiremos consultándoas, seguro que atopamos infinidade de brinquedos.

domingo, 17 de noviembre de 2013

HAIKUS

Os haikus son poemas breves de tres versos orixinarios da cultura xaponesa que invitan a gozar da natureza. Os nenos do aula de Ribadumia B teñen na súa biblioteca de aula un precioso libriño de haikus,  “Al corro de las palabras”, que nos deixaron durante uns días para traballar en clase. Xa memorizamos e ilustramos un par deles, a ver se nos vindeiros días atopamos máis libriños de haikus para cativos e seguimos gozando desta forma de poesía tradicional xaponesa.

viernes, 15 de noviembre de 2013

A FLOR DO CRISANTEMO

Entre outubro e novembro a flor do crisantemo alcanza o seu máximo esplendor. Adrián tróuxonolas de cor amarelo  fai unhas semanas para enriquecer o noso recuncho de Xapón, xa que a este país se lle coñece como o Imperio do Crisantemo. Pasados os días as flores murcharon pero esta  semana coa mestra Ana plantámolos no noso xardín, unha mata de cor branco e outra con matices que van do bronce ao laranxa.

jueves, 14 de noviembre de 2013

A FESTA DO CABAZO

Unha das cousas que máis nos gusta da festa do Samaín e baleirar as cabazas e decoralas. Pero o mércores limos na prensa que son moitos os pratos que se poden preparar con este froito como principal ingrediente. Na Festa do Cabazo que se celebra esta fin de semana en Carballal (Vigo), poderanse degustar todos, ademais haberá actuacións musicais, unha exposición sobre o proceso de cultivo e unha mostra de artesanía. Na escola gardamos as sementes que lle quitamos ao calacú que nos trouxo a avoíña de María para decorar en clase, en canto rematen de secar levarémolas para casa a ver se o vindeiro ano temos todos unha gran colleita e aprendemos a cociñalas.



miércoles, 13 de noviembre de 2013

FÉLIX VIVE CON SAKURA

A semana pasada recibimos unha nova carta de Félix. Nela cóntanos máis cousiñas da súa vida en Xapón. 
Tamén volven a aparecer os signos como os das latas que nos trouxo Aaron, fala das cerdeiras e geishas que vimos na revista de Mencía e nas fotocopias de Rita, do tren bala que observamos nun libro da biblioteca e dos palillos para comer que  case todos miramos nos debuxos da tele. Nas seguintes semanas traballaremos ao redor de todos estes temas e intentaremos aprender algunhas cousiñas da cultura nipona.

martes, 12 de noviembre de 2013

AS CARPAS NO ESTANQUE

Cando botamos as carpas no estanque, tiñamos medo de que non se adaptaran ben ao exterior. Despois de máis dunha quincena no seu novo hábitat, comprobamos que se aclimataron sen problemas. Aínda que vimos como se alimentan de pequenos insectos que caen na auga, por se non teñen suficiente, botámoslle de comer a diario e gústanos observalas mentres comen.

lunes, 11 de noviembre de 2013

GUÍA DE LECTURAS DE DRAGÓNS

Coa festa do Samaín dimos por rematado o noso traballo ao redor dos libros de dragóns. Agora xa podemos levar para casa o noso conto de dragóns favorito. Para que todos teñades unha pequena recompilación dos fondos que hai na biblioteca relacionados co tema, aquí vos deixamos a seguinte guía de lecturas.