miércoles, 29 de febrero de 2012

ROSALÍA NO XORNAL

Xa sabedes que dende que limos unha noticia de Picasso na prensa,  temos especial interese na sección de cultura para comprender o seu significado. Como vedes na imaxe, o venres descubrimos outro artigo nela que espertou o noso interese. No xornal viña a conmemoración do 175 aniversario do nacemento de Rosalía. Ao principio non entendíamos por que a cara de Rosalía aparecía vermella, despois de reflexionar sobre o seu nome, descubrimos que ten a palabra ROSA nel agochado, por iso cremos que o ilustrador quixo representala coma esa flor.

lunes, 27 de febrero de 2012

A COLLEITA CONTINUA…

Hoxe de novo tivemos sorteo dos produtos que a nosa pequena horta vai dando. A responsable de escoller e ler a papeleta co nome da agraciada foi Laura. Tras uns segundos de espera, comunicou a todos o nome da nova afortunada: Antía. Coa mestra Ana tamén vimos que as árbores froiteiras comezan a dar os seus primeiros froitos, o limoeiro ten xa varios para apañar, tal vez poidamos coller un para facer rosquillas o venres…

domingo, 26 de febrero de 2012

AS SUPERTICIÓNS CHEGAN Á ESCOLA

Ferraduras, trevos de catro follas, patas de coello, figa… son moitos os obxectos e accións que a tradición asocia á boa ou mala sorte… A modiño, iremos descubrindo que non teñen dita influencia nos acontecementos, pero nos axudaran a coñecer as crenzas populares e a enriquecer o noso vocabulario. O traballo da nosa aula para o XIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra xira ao redor das “Supersticións de fin de ano”: comer 12 uvas, brindar, levar algo vermello… Xa está rematado o que imos presentar pero aínda nos queda moito por investigar.

viernes, 24 de febrero de 2012

¡FELICIDADES ROSALÍA!

Hoxe, 24 de febreiro, celebramos un aniversario moi especial, o da escritora galega Rosalía de Castro. Nunha data tan sinalada non podía faltar unha torta coas súas velas e, moi cediño, comezamos a preparala. Primeiro traballamos a receita, despois lavamos ben as manciñas e as mesas e, por último, ¡a cociñar!. Algúns envoltorios de sobaos resistíanse e non se daban aberto, pero coa axuda das tesoiras aprendemos a solucionalo. Varios amorodos escorregaron do prato cando intentamos cortalos pero, co emprego do garfo, quedaron controlados. Coa colaboración de todos a torta de amorodos con nata foi collendo xeito, e como Rosalía xa non está entre nós para apagar as velas, sopramos todos xuntos. Despois da merendola, viñeron os poemas e, coas nosas fotos, démoslle un toque persoal ao anaquiño que memorizamos de “Parece unha rosa”.

jueves, 23 de febrero de 2012

PREPARANDO O DÍA DE ROSALÍA

Mañá, no obradoiro de cociña, faremos unha torta especial para celebrar o 175 aniversario do nacemento de Rosalía de
 Castro. Hoxe estivemos redactando as notas para lembrarnos de traer os ingredientes e lendo un fermoso poema dela  no libro “Parece unha rosa”. As ilustracións realizadas por Isabel Pintado son preciosas e mañá, despois da festa, continuaremos traballándoo baseándonos nelas para personificar os poemas que regalaremos.

miércoles, 22 de febrero de 2012

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Esta semana, ademais de polo carnaval, ven marcada por outra data importante, o aniversario da escritora Rosalía de Castro. Son diversas as actividades que estamos programando na aula para conmemorar os 175 anos do seu nacemento. Pero hoxe, o que queremos transmitirvos é a iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) que anima á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor o 24 de febreiro, día do nacemento de Rosalía de Castro.

martes, 21 de febrero de 2012

XOGANDO Á PETANCA

Xa estivemos practicando fai tempo cando limos a carta que Félix enviou a Sofía dende París, pero daquela aínda non tíñamos o material necesario e tivemos que improvisalo. Agora xa está a nosa disposición e, aínda que nos vexades con pinta carnavalesca, xogamos coa formalidade dun profesional. 
A verdade é que nunca falta un verme, unha mosca ou algún outro bicho que nos distraia pero… ¡hai tantas cousas que chaman a nosa atención e é tan difícil centrarse nunha soa!

lunes, 20 de febrero de 2012

MÁIS COUSIÑAS DE NAPOLEÓN

¿Lembrádevos da Catedral de Notre Dame que estaba xunto ao río Sena?, antes de vacacións volvemos a vela pero nesa ocasión por dentro, nin máis nin menos que na coroación de Napoleón. Divertímonos imitando a Josefina e, o día da festa, posando como auténticos “Napoleón a Cabalo

domingo, 19 de febrero de 2012

¿DE QUEN ERAN AS UÑAS?

Algunhas seguro que tiñades claro a quen pertencían, outras non tanto, unhas pouquiñas non tíñamos nin idea, as grandes sabíamos de quen eran e, había unha, que sobraba… Agora toca comprobar se acertamos de quen era cada man e adiviñar de quen é a que anda desemparellada e agora non aparece na foto…¿Quen se anima a mandar un comentario coa resposta?...

viernes, 17 de febrero de 2012

ESTIVEMOS DE ENTROIDO

Pintores chegados de París, Beefeater procedentes de Londres, Keniatas de África e, por suposto, auténticos Napoleón Bonaparte. Xogamos, cantamos, disfrazámonos e, o noso desfile, encheu de colorido o percorrido pola aldea. Á volta, mentras preparaban as mesas coa merenda, as actividades co paracaidas fixeron pasar un divertido rato a pequenos e maiores. Filloas, orellas, rosquillas, biscoitos e outros doces destas datas elaborados polas familias, deleitaron aos paladares máis esquisitos. E para rematar, bailes, danzas e brincos puxeron o punto e final a nosa festa. Lembrade que o xoves volvemos a clase.

jueves, 16 de febrero de 2012

MAÑÁ: ¡FESTA DE ENTROIDO!

Non vos esquezades, a partir das 9:30 comezaremos cos xogos e, ás 10:00, tocará disfrazarse para ás 10:45 estar todos listos e iniciar o pasacalle.Na imaxe tedes marcado en vermello o percorrido que temos pensado facer se o tempo o permite. Todos aqueles que queiran vernos e aplaudir, podedes esperarnos en calquera punto do camiño. Se o que preferides é bailar con nós o “xogo da carrasquiña”,
temos pensado facelo na explanada de diante da igrexa, no blogue de música tedes un video de cómo se fai por se queredes ir practicando, ou podedes picar directamente na foto desta mañá cando estabamos ensaiando. E por último, lembrádevos de vir vestidos de escuro pola parte de arriba e de claro pola de abaixo, para unificar as cores da nosa comparsa napoleónica.

miércoles, 15 de febrero de 2012

INICIÁNDONOS NA SUMA CO NOSO DISFRACE

A confección do noso traxe de Napoleón, ademais de servirnos para divertirnos e aprender cousiñas deste gobernante francés, hoxe axudou aos maiores a iniciarse na simbolización da suma e, aos pequenos, a interiorizar a grafía do oito e a cor dourada. Paralelamente seguimos xogando cos mandatos do Meco, hoxe foron as uñas pintadas as que fixeron furor entre os cativos. Hainas brancas, rosas, azuis, laranxas, de coloríns… probade a intentar adiviñar cos vosos fillos a quen pertencen as mans da foto…
 mañá veremos se acertades mentres rimos co último mandato. Se coñecedes aos cativos da escola de Ribadumia, visitade o seu blogue, ou picade aquí, e intentade tamén descubrir a quen pertence cada bigote.

martes, 14 de febrero de 2012

A VOLTAS CO ENTROIDO

Botóns, puños, cintas, ombreiras, escarapelas… son moitas as pezas que temos que ir rematando esta semana para ter a punto o noso disfrace de carnaval. E todo sen esquecer os mandatos do Meco, lembrade que mañá temos que engadirlle á nosa vestimenta as uñas pintadas.

lunes, 13 de febrero de 2012

2º MANDATO: CON BIGOTE

As ordes do Meco comezan a acatarse. Gorros, lazos, orellas, cornos, pañoletas… luciron nas cabezas dos cativos e mestres. Poñemos, quitamos, intercambiamos, probamos… pero sobre todo rimos.
Lembrade que mañá  temos que engadirlle un bigote. Pequeno, grande, de cores, postizo, pintado, con barba… todo vale, canto máis rechamante máis divertido. Mamás, papás, familias... ¿animádevos a participar?.

sábado, 11 de febrero de 2012

O MECO MANDA…

Entramos na semana de Entroido e, para ir creando ambiente festivo, todos os nenos do CRA imos xogar ao “Meco manda”. Cada día da semana hai que traer o que o el pide pero sen esquecer que os mandatos son acumulativos. Con algo na cabeza, lembrade que así é como temos que vir o luns á escola. Unha flor, unha perruca, un gorro, un lazo… calquera cousa sirve, se provocamos risa tanto mellor… o importante do Entroido é iso: pasalo ben cos amigos.

viernes, 10 de febrero de 2012

NO ENTROIDO… ¡ORELLAS!

Cascar ovos, mesturar, amasar, encher as mans de fariña, estender a masa co rodillo… gústanos tanto enredar con ela que non vos podedes nin imaxinar ata onde chegou a fariña… Sabemos que da moito traballiño limpar todo pero é unha experiencia tan inesquecible para os cativos que ben vale o esforzo realizado. Dende aquí queremos darlle as grazas á mestra Janet que sempre nos axuda. Unha mágoa que hoxe os catarros fixeran un arraso na nosa aula e faltaran case a metade dos nenos. Para a semana colgaremos a receita para que os  meniños aos que a gripe impedeulles vir, poidan cociñalas na casa coa axuda da familia. Como diría a mestra Marta, moitos biquiños         “sanadores” para todos os enfermiños.

jueves, 9 de febrero de 2012

PREPARANDO O NOSO DISFRACE

Buscar información, tomar medidas, recortar, escribir, pegar, colorear… ¡Canto traballiño estamos levando para deseñar e crear o noso traxe de Napoleón!.
Martiño trouxo unha espada, Antía un libro, na biblioteca atopamos outros dous… Ao principio non eramos capaces nin de pronunciar o seu nome, agora xa empezamos saber cousiñas deste personaxe histórico.

miércoles, 8 de febrero de 2012

O PARACAÍDAS

Aínda que algúns de nós enredabámonos e collíamos cando tíñamos que soltar e soltabamos cando tiñamos que coller…
hoxe en clase de psicomotrici-dade, coa axuda do paracaídas, aprendemos a importancia de coordinar a propia acción coa dos compañeiros. Cando lograbamos seguir as consignas do mestre acomodando ritmos, movementos e direccións; gozabamos provocando ondas,  mergullándonos no seu interior, lanzando a pelota… Sen lugar a dubidas, un elemento ideal para fomentar a cooperación. Probade na casa a crear o voso propio paracaídas cunha saba vella.