miércoles, 21 de diciembre de 2011

E CHEGOU O FESTIVAL…

Cancións, xogos, contos, películas, manualida-des… Unhas actuacións cuns artistas impresionantes, nin a varicela que fixo un arraso entre os cativos de Ribadumia impediu que se realizaran as representacións… Un local decorado ao máximo: estrelas, globos, botas… ¡ata unha cheminea que parecía que quentaba!...
Uns doces preparados polas familias que metían cobiza soamente con miralos… Un Apalpador espectacular que trouxo agasallos para todos… Unha vez máis, graciñas a todos por este día tan especial.

martes, 20 de diciembre de 2011

MAÑÁ, ¡FESTA RACHADA!

Cancións, obradoiro de coroas, contos e películas de Nadal, postais… Merendola, panxoliñas e, como broche final, a visita do Apalpador… Nós xa temos preparadas as cartas, cada un pediulle un xoguetiño de madeira para compartir na aula, despois el xa fará o que poida… o que si temos que almorzar ben por se nos palpa a barriguiña, xa sabemos que… 

...Tantarantán, tantarantiña
quen non come non ten barriguiña.
Tantarantán, tantarantola
quen non come non ten barrigola... 

lunes, 19 de diciembre de 2011

BOTAS DE NADAL

Lembrádevos que esta semana tedes que traer decorada a bota que os cativos levaron para casa. Coma sempre, podedes empregar calquera cousa que teñades por casa: algodón, botóns, teas, recortes de revistas… todo sirve para pasar un agradable rato axudando aos pequenos. Se necesitades inspiración podedes picar na imaxe e botar unha ollada.

sábado, 17 de diciembre de 2011

FÉLIX DEIXA LONDRES

Unha cunca, un paraugas, unha bandexa, unha hucha, un plano… son moitas as cousiñas que, coa axuda das familias, recompilamos nestas semanas para montar o noso recuncho de Londres. Todo isto axudounos a descubrir aspectos desta cidade e facilitou que nos familiarizaramos un pouquiño con ela. Aínda nos queda moito por aprender pero, o trimestre remata, e chegou o momento de continuar viaxe… para os que quedaran con ganas de máis, aquí deixovos este vídeo do libro “Londres para niños” do que xa falaramos con anterioridade.

viernes, 16 de diciembre de 2011

DEPORTES NO XORNAL

Pouco a pouco imos familiarizán-donos coas sección do periódico. Ultimamente estámonos centrando nos deportes. A maioría de nós xa aprendemos a localizar as fotos sen maior dificultade, agora ven o difícil, saber de que deporte se trata. O fútbol distinguímolo con facilidade pero, co resto, aínda nos queda moito por traballar. Por agora andamos a recortar as fotos que atopamos nos xornais atrasados para ir identificándoos e clasificándoos coa axuda do profe Rafa. Se queredes saber porque temos nas fotos a cariña pintada de ratiños, visitade o blogue de música do cole ou picade directamente aquí, veredes que ben o pasamos na clase anterior.

jueves, 15 de diciembre de 2011

A PALMEIRA DATILEIRA

Como podedes ver na imaxe, no obradoiro de cociña probaremos dátiles. Como non sabíamos de onde procedía este froito, esta semana estivemos investigando ao respecto. Da biblioteca collemos varios libros que falan del e vimos ilustracións preciosas. Aprendemos que a pel do dátil aguanta temperaturas altísimas pero non soporta a humidade, por iso o protexen cuns sacos. Pero o que máis chamou a nosa atención foi como sobe un home descalzo á unha palmeira datileira no seguinte vídeo http://www.youtube.com/watch?v=NY2Dd5fXoTU

miércoles, 14 de diciembre de 2011

MEDO ESCÉNICO

Iso foi o que se apoderou de nós cando as cámaras da tele empezaron a gravarnos. Eles querían que nós lle contaramos cousas pero as palabras non nos saían da boca, os pensamentos enredábanse na cabeza e, por máis que o intentabamos, nada. Eran demasiadas emocións:
o paseo no autobús que para moitos era a súa primeira vez, as figuriñas do Belén en movemento, os animaliños tan preto de onde nos estabamos, o micrófono da periodista, o berro da mestra cando, aínda que sabíamos que non se podía tocar, a ovella acabo na man dun cativo… Son cousas que pasan … a profe tampouco soubo que dicir cando lle preguntaron polo premio…

martes, 13 de diciembre de 2011

MAÑÁ VISITAMOS UN BELÉN


Lembrámosvos que mañá visitaremos o belén dun veciño de Ribadumia que xenerosamente brindouse a ensinarnos a súa creación. Nas primeiras horas teremos clase como calquera outro día e, a partir das 11:30, iremos ata a súa casa nun autobús facilitado polo Concello. Se queredes facervos unha idea do que imos ver, picade na imaxe e accederedes ás fotos do ano pasado.
Unha delas saíu publicada o domingo no Faro de Vigo, nunha noticia na que fala do traballo que realizamos na biblioteca do noso colexio e do premio que recibimos. Está colgada no blogue da “Aula de Pequenos de Ribadumia” onde a profe tamén ten unha entrada moi interesante sobre o programa “Prensa-escuela”, que vos recomendamos ler, se queredes acceder a ela directamente podedes picar aquí.

sábado, 10 de diciembre de 2011

TRUFAS DE CHOCOLATE E NOCES

Onte cociñamos trufas. O martes, cando comezamos a redactar as notas para lembrarnos de traer os ingredientes, algúns nenos pensaban que eran “estufas” como as que dan calor, tras un par de ensaios pronunciado a palabra lentamente, percibimos sen problemas a diferencia.
 Estaban moi ricas pero, sen lugar a dúbidas, o que máis nos gustou foi esmagar as galletas co rodillo. Ao principio parece que están un pouquiño duras e cústanos calcar pero, cando aprendemos a darlle con xeito, non queremos parar.
 Non tiñamos rodillos para todos e mentras gardabamos quenda, quitabamos as cascas ás noces.
Ao engadille o leite condensado, a mestura quedou pegañenta, pero cos fideos de chocolate foi doada de traballar.
 Como vedes nas fotos, estaban para chuparse os dedos.


Nesta tempada chuviosa, animádevos a cociñar cos cativos, comprobaredes que, manchan moito, pero viviredes momentos inesquecibles.

viernes, 9 de diciembre de 2011

“AL PASAR LA BARCA…”

Xa son moitos os xogos que imos aprendendo grazas ao caderno de tradición oral que anda a viaxar polas casas. Onte a protagonista foi María, a súa mamá propuxo o tradicional xogo de “Al pasar la barca” pero, en lugar de corda, empregando unha manta e balanceando ao meniño á vez que cantamos. Ademais de ler e escribir algunhas palabras e números da canción, mirade que ben o pasamos.
Lembrade que xa está colgada no blogue do noso cole a guía de lectura de tradición oral, podedes acceder directamente clicando aquí.

jueves, 8 de diciembre de 2011

MONTAMOS O BELÉN

Pedriñas, area, herba e sementes de eucalipto que apañamos ao redor da escola… Un pequeno río que pintamos entre todos, colocamos saíndo do cortello e que todos insisten en chamar Támesis… Un ceo negro estrelado reciclado do ano pasado porque non nos atrevemos a volver a andar con esa pintura negra que, a pesar dos lavados, non sae do mandilón… María, Xosé, o Meniño, a mula, o boi, empregando bonequiños click… Un ratiño que Ángela non para de meter na pota do caldo dos pastores… Uns animaliños cos que Anxo non pode evitar deixar de xogar… Xa montamos o Belén, e… o mellor de todo, pasámolo tan ben facéndoo e despois enredando con todo que, aínda que as ovellas acaban no río, a area polo chan e o boi no tellado… compensa o esforzo. Animádevos a facelo na casa e pasaredes unha agradable tarde cos nenos.

miércoles, 7 de diciembre de 2011

XOGO DO APALPADOR

Na escola seguimos aprendendo cousiñas sobre o Apalpador. Estamos confeccionando un catálogo de xoguetes de madeira para decidir entre todos cal queremos que nos traia. Pouco a pouco imos coñecendo algúns animais propios da zona onde vive ou cales son os obxectos que usa, á vez que nos imos familiarizando co ordenador e as súas funcións. Para os que lle gustaron os LIM do outro día, deixámoslles este que o CEIP de Arzúa fixo para os nenos de infantil, lembrade que soamente tedes que picar na imaxe e despois nas frechas de abaixo para cambiar de actividade.

lunes, 5 de diciembre de 2011

AS BUXAINAS MARCHARON PARA CASA

Esta semana as buxainas volven a bailar nos fogares dos cativos. O venres xa levamos todas para casa, por agora o traballo na escola con elas rematou. Houbo quen aprendeu a lanzalo, algúns a enrolar a “piola” arredor do peón, outros os nomes das súas partes, pero todos descubrimos o divertido que é velo bailar. Así que xa sabedes, ¡a practicar cos cativos!.
Se queredes ver un simpático vídeo de cómo o profe Rafa intentaba axudarnos a coller coa man a buxaina mentres bailaba, visitade o blogue de psicomotricidade do cole ou picade aquí.

domingo, 4 de diciembre de 2011

SE VAS A LONDRES…

Dende que recibimos a carta de Félix anunciándonos que estaba en Londres, son moitas cousiñas as que fomos vendo desta cidade. Con algunhas delas confeccionamos esta pequena “guía de viaxes” para ensinarvos que se pode facer “Se vas a Londres…”, a ver se vos gusta…



Aínda que se o que preferides son edicións impresas, recomendámosvos estes dous libros que temos na nosa biblioteca.

sábado, 3 de diciembre de 2011

SOMOS NOTICIA

Hoxe, no Portal Educativo da Xunta de Galicia falan de nós.  Agradécese que dende diversos organismos comecen a valorar o silencioso traballo diario que desenvolvemos na escola rural. E sobre todo, que por fin descubran que os nosos alumnos, aínda que pequerrechiños, son capaces de manexar e asimilar  información do máis diversa se nos facilitan os medios para poñela ao seu alcance. Toda a información en https://www.edu.xunta.es/web/node/3615

ANIVERSARIO DE BRAIS, RUBÉN E MENCÍA

Por fin puidemos celebrar os aniversarios e deixar atrás os batidos da dieta. Torta de chocolate, velas, cancións… manchamos moito, enredamos aínda máis, pero sempre crean tanta expectación que todo o compensa. Xa non temos ningún meniño de dous anos en clase, agora xa somos todos ¡CHICOS MAIORES!

viernes, 2 de diciembre de 2011

COMEZA CULTURGAL

Non vos esquezades que esta tarde tedes unha cita en CULTURGAL A partir das 16h30, o cuarto dos nenos abre as súas portas a todas as familias que queiran achegarse a gozar dunha programación infantil ininterrompida ata o domingo pola tarde. A entrada é gratuíta e se non sabedes como chegar soamente tedes que clicar no seguinte enlace http://www.culturgal.com/como_chegar.php. Nas imaxes adxuntas tedes a programación diaria e aquí máis información.

jueves, 1 de diciembre de 2011

UNHA MOI BOA NOVA

Hoxe estamos de celebración. Recibimos o terceiro premio no Concurso Nacional de boas prácticas na xestión e dinamización das bibliotecas escolares, correspondente ao ano 2011. Dende aquí queremos dar as grazas a aquelas persoas que valoraron o noso traballo e animáronnos a participar, aos compañeiros que nos axudaron a poñelo en marcha e, sobre todo, aos cativos que vimos aprender e gozar en e coa nosa biblioteca escolar.